Barriga Verde desembarca no Culturgal
Unha exposición, un posto e unha presentación darán a coñecer o proxecto de recuperación do personaxe
Barriga Verde, o títere máis coñecido do século XX en Galicia, estará amplamente representado no Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais. Os asistentes ao evento, que se celebra en Pontevedra desde o venres e ata domingo, poderán achegarse a este personaxe no posto da Asociación Cultural Morreu o Demo, onde estará á venda diverso material.
Ademáis, a mostra Onde foi Barriga Verde?, dispoñible para bibliotecas e centros de ensino estará exposta no recinto do Pazo da Cultura durante a duración da feira, a amosar as orixes e a importancia do personaxe. Para rematar, o domingo ás 19 horas unha presentación a cargo de Anxo García, Xaime Iglesias e Germám Ermida darán a coñecer a historia deste boneco e mais o traballo que está a desenvolver a asociación Morreu o Demo para o recuperar.
No esforzo da asociación por reivindicar a figura deste títere tradicional para a sociedade de hoxe, na feira preséntanse varias propostas que inciden no papel subversivo da figura. Así, porase á venda merchandising con representacións do personaxe a pelexar contra a LOMCE, e os asistentes poderán fotografarse co feitío de Barriga Verde canda a personaxes de actualidade. A asociación realizará un sorteo nas redes sociais entre a xente que se fotografíe no stand.
Entre os obxectivos da asociación para esta feira está dar a coñecer o catálogo de actividades e de produtos que pon a disposición da sociedade galega para coñecer máis a fondo a historia de Barriga Verde e das persoas que o fixeron famoso, así como a relación do personaxe coa tradición de títeres europea.
Barriga Verde foi o títere por excelencia de Galicia entre os anos 10 e 60 do século pasado. Os membros da familia Silvent foron os encargados de o levar por todo o país este personaxe, deixando unha fonda pegada na memoria de moitas persoas con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta” coa que remataban os espectáculos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario